Thursday 18 de April de 2024

A Xunta inaugura a primeira edición para as ONGD galegas do curso de especialización en financiamento europeo da Fundación Galicia Europa


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, remarca a importancia desta edición como parte do compromiso da Xunta de apoiar a formación dos axentes de cooperación e de facilitar o seu acceso a novas fontes de financiamento internacional

― Ao longo de cinco sesións virtuais, case medio cento de axentes de cooperación galegos poderán coñecer máis sobre as liñas de financiamento europeo existentes en materia de axuda humanitaria e de cooperación ao desenvolvemento en América Latina e África

Esta mañá, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, inaugurou a décimo cuarta edición do curso da FGE de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, destinada, por primeira vez, á formación das organizacións galegas non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD).

Durante a súa intervención, o director xeral fixo fincapé na importancia desta edición, que, como sinalou, atende ao dobre compromiso adquirido polo Goberno galego no IV Plan Director da Cooperación Galega de, por unha banda, apoiar a formación e a capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación e, por outra, de facilitar o seu acceso a novas fontes de financiamento internacional.

O programa formativo que comeza hoxe, baixo a moderación da directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, permitirá aos participantes de case medio cento de ONGD galegas abordar, da man de diferentes representantes da Comisión Europea, as diversas accións comunitarias postas en marcha no marco da cooperación ao desenvolvemento e da axuda humanitaria, con especial fincapé na cooperación en América Latina e nos países africanos de fala portuguesa, así como coñecer máis sobre as fontes de financiamento existentes a nivel europeo en ambas zonas xeográficas.

Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de 13 edicións á formación de máis de 450 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.